Programa Leader

O Leader (Ligazóns entre as Actividades de Desenvolvemento da Economía Rural) e un método e unha filosofía de traballo nos procesos de desenvolvemento rural coas seguintes características propias:

  1. Enfoque Ascendente o que significa que en todalas fases do programa as procuras de solucións e as decisións parten desde abaixo cara arriba. Trátase de implicar aos axentes locais, tendo en conta ao mesmo tempo as realidades propias de cada territorio, co fin de fomentar a participación da poboación.

  2. Estratexia territorial de desenvolvemento. o que supón basearse nos recursos particulares de cada comarca co fin de responder mellor ás necesidades locais.

  3. Principio de colaboración público – privada. O Grupo de Acción Local (ou partenariado local) como forma de cooperación horizontal onde se agrupan en calidade de socios axentes e institucións locais e comarcais representativos. O fin é identificar unha estratexia común e accións innovadoras necesarias para logo aplicar estas decisións e xestionar as subvencións procedentes dos fondos públicos con autonomía local.

  4. Enfoque integral e multisectorial que supón contemplar conxuntamente as potencialidades dos diferentes sectores da economía, a sociedade, e os recursos locais.

  5. A Innovación, é dicir, o carácter innovador das accións promovidas polos beneficiarios finais, de maneira que acheguen un valor engadido respecto doutras intervencións na comarca.

  6. A Organización en Rede e a Cooperación. Trátase de comunicar con outros grupos experiencias e resultados, intercambiar coñecementos e asociarse en proxectos comúns.

Esta metodoloxía vén sendo impulsada pola Unión Europea desde 1991 para descentralizar as políticas de desenvolvemento rural, de xeito que o territorio rural deixe de ser un simple destinatario destas políticas para converterse en protagonista do seu propio desenvolvemento.

En Galicia, nos períodos 1991-1994, 1994-1999 e 2000-2006, aplicaronse as Iniciativas Comunitarias LEADER, LEADER II e LEADER +

Nos períodos 1994-1999 e 2000-2006 leváronse a cabo en Galicia outros programas coa mesma metodoloxía que, por ter distintas fontes de financiamento, tiñas outros nomes, como PRODER, PRODER II ou AGADER, de xeito que no período 2000-2006 estivo cuberto todo o territorio rural galego con estes programas.

Nos períodos 2007-2013 e 2014-2020 pasou a formar parte do P.D.R. de Galicia, e na actualidade, o Leader conforma a Intervención 7119 do PE PAC de Galicia 2023-2027

¿Tes unha idea de proxecto?

Presenta a túa proposta e forma parte do desenvolvemento da comarca de Ordes